Veira comprométese a reactivar a Área Metropolitana da Coruña se chega á Alcaldía

A portavoz do BNG no Concello da Coruña e candidata á Alcaldía, Avia Veira, anunciou que impulsará a creación da Área Metropolitana da Coruña se chega a gobernar a cidade. A nacionalista defendeu esta medida como unha ferramenta necesaria para dar resposta a problemas compartidos polos municipios que funcionan xa, na práctica, como unha mesma área urbana.
O grupo municipal do BNG levará ao pleno do vindeiro xoves 11 de xuño unha moción para instar o Goberno local a implicarse neste proxecto. Veira considera que a cidade da Coruña debe asumir un papel de liderado na configuración desta nova estrutura supramunicipal.
A candidata nacionalista criticou que a iniciativa quedase paralizada durante os últimos anos e lembrou que o impulso da Área Metropolitana figuraba no acordo de investidura. Ao seu xuízo, o Executivo local non avanzou neste ámbito malia ter relación institucional coa Xunta, acordos con concellos como Oleiros e Arteixo e presenza socialista no goberno de Culleredo.
Veira sinalou que unha Área Metropolitana permitiría mellorar o transporte público, con tarifas unificadas, horarios coordinados entre liñas urbanas e interurbanas, máis frecuencias nas horas punta e mellores conexións con polígonos industriais, hospitais e universidades.
Entre as vantaxes que defende o BNG tamén figuran a redución dos atascos, a planificación de aparcadoiros disuasorios, a creación dunha rede de carrís bici conectada e unha política de vivenda máis equilibrada entre os distintos municipios.
A formación nacionalista considera ademais que esta estrutura facilitaría unha xestión máis eficiente de servizos como a recollida e tratamento do lixo, a coordinación de equipamentos deportivos e culturais, a captación de fondos europeos e unha mellor planificación ambiental en asuntos como o litoral, os ríos, as inundacións ou a calidade do aire.