Veciños da Agra do Orzán mobilízanse este xoves para reclamar un parque no barrio

ACoruñaXa
A marcha busca reivindicar a creación dun espazo verde para os case 30.000 residentes do barrio coruñés
manifestación agra do orzán
5 Nov 2024

Este xoves, 7 de novembro, ás 19:00 horas, os veciños da Agra do Orzán sairán á rúa desde a praza das Cunchiñas para esixir a creación dun parque público no barrio. A marcha, convocada pola Asociación Cultural e Veciñal Agra do Orzán, pretende visibilizar a urxente necesidade de contar cun espazo verde que sirva de zona de lecer e convivencia para os preto de 30.000 habitantes da Agra, un dos barrios máis densamente poboados de Europa.

A creación deste parque é vista pola comunidade como fundamental para mellorar a calidade de vida dos residentes nunha zona cunha intensa actividade diaria, onde, ademais dos residentes, circulan traballadores, comerciantes e visitantes. Nun contexto de gran densidade de poboación e sen zonas verdes, a falta dun espazo para socializar e descansar afecta directamente ao benestar da veciñanza.

A Asociación Cultural e Veciñal Agra do Orzán fai un chamamento a toda a cidadanía a unirse á mobilización e apoiar a demanda deste espazo público. ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), que apoia a convocatoria, considera que esta reivindicación é urxente e fundamental para avanzar cara a un modelo de cidade máis sostible. Representantes de ADEGA destacan que "a presión urbanística sen previsión de espazos verdes leva décadas afectando o benestar dos cidadáns e debe ser abordada con urxencia". A entidade insiste en que a creación de áreas naturais urbanas non é só unha cuestión estética, senón unha medida de saúde pública e benestar, especialmente tras a pandemia de Covid-19.

Desde ADEGA apuntan tamén que a creación dun parque na Agra sería un exemplo de compromiso co urbanismo sostible. "Para que A Coruña avance cara a unha cidade máis habitable, é esencial que todos os barrios dispoñan de zonas verdes de proximidade que funcionen como pulmóns urbanos", afirma a entidade, que pide o apoio cidadán para impulsar este proxecto. O lema da manifestación, "Parque da Agra XA!", recolle esa demanda, reivindicando un espazo para o lecer e a convivencia nesta populosa zona da cidade.

0.1411280632019