Veciñanza e o Concello de Culleredo aliñan unha estratexia común ante o proxecto da terminal de mercadorías

ACoruñaXa
A reunión serviu para compartir información sobre a proposta estatal, fixar unha canle permanente de contacto coas asociacións de Orro e Lodoño e preparar os vindeiros encontros co Ministerio de Transportes e ADIF
CULLEREDO reunion vecinos tren
24 Mar 2026

O Concello de Culleredo deu un novo paso para abordar de maneira conxunta o proxecto da futura terminal de tren de mercadorías cun encontro entre o alcalde e representantes veciñais das parroquias afectadas. A reunión, celebrada na casa consistorial, estivo centrada en ordenar unha resposta común ante a proposta do Goberno de España e en establecer unha folla de ruta compartida para facer seguimento da iniciativa.

No encontro participaron representantes das asociacións de Souto, Orro, Vallesur-Los Olivos e O Val de Veiga, co obxectivo de poñer en común a información dispoñible ata o momento e definir como se canalizarán as próximas xestións arredor do proxecto. A cita permitiu tamén abrir unha vía estable de comunicación entre o Concello e a veciñanza para trasladar novidades e coordinar a postura das dúas partes a medida que avance a proposta.

A reunión tivo como un dos seus principais fins preparar os próximos contactos coa Administración central. O rexedor trasladou que manterá reunións en Madrid con responsables do Ministerio de Transportes e de ADIF para coñecer con máis detalle o alcance da actuación e os criterios técnicos que sustentan a localización prevista para a infraestrutura.

Durante a xuntanza, Concello e colectivos coincidiron en reclamar información técnica máis precisa sobre a proposta e en analizar as alternativas que están sobre a mesa. Entre elas, sinalaron o Centro Loxístico de Transportes de Ledoño como a opción que consideran máis axeitada, ao tratarse dun ámbito empresarial no que xa estaba prevista unha dotación ferroviaria.

Outro dos obxectivos da reunión foi deixar fixado que o seguimento do proxecto se fará de maneira coordinada, coa intención de que as asociacións poidan trasladar aos seus socios toda a información que se vaia coñecendo. O Concello prevé convocar novos encontros en canto existan avances sobre unha actuación que mantén en alerta á veciñanza da contorna.

0.13350200653076