Unha xornada informativa achegará as comunidades enerxéticas á veciñanza de Vilasantar

A Cámara Agraria de Présaras acollerá o vindeiro xoves 5 de novembro unha xornada informativa sobre as comunidades enerxéticas, organizada polo Concello de Vilasantar. O encontro comezará ás 20:00 horas e estará aberto tanto á veciñanza do municipio como a persoas doutros lugares interesadas en coñecer este modelo de cooperación.
A sesión permitirá afondar no caso concreto de Vilasantar Enerxía, ao tempo que ofrecerá información sobre as comunidades enerxéticas e o seu funcionamento. A convocatoria está dirixida tanto a persoas que xa forman parte do proxecto como a aquelas que aínda non participan nel, así como a calquera persoa interesada nesta fórmula de organización colectiva.
A iniciativa enmárcase no traballo de Redenerxía, un proxecto de cooperación no que colaboran catro Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia para fortalecer as comunidades enerxéticas a través da cooperación territorial.
A proposta conta coa participación de Seitura 22, Terras de Miranda, Terra Chá e Ulla-Tambre-Mandeo, e está cofinanciada pola Unión Europea, a través do programa Leader, xunto coa Xunta de Galicia e o Goberno de España.