Unha xornada en Miño achegará axudas e IA aos pequenos negocios

ACoruñaXa
A Casa do Pescador acollerá o luns 25 de maio unha xornada gratuíta da Startup Europe Week 2026 dirixida a persoas autónomas, comercios e proxectos emprendedores
MIÑO ia bien
21 May 2026

O Coworking Miño, situado na Casa do Pescador, acollerá o vindeiro luns 25 de maio unha xornada centrada no financiamento, as axudas públicas e o uso práctico da intelixencia artificial nos pequenos negocios. A actividade celebrarase entre as 17.00 e as 19.00 horas e forma parte da programación da Startup Europe Week 2026.

Baixo o título 'O que ninguén che contou: financiamento e intelixencia artificial para o teu negocio', o encontro está pensado para persoas autónomas, comercios locais, profesionais, pequenas empresas e persoas con proxectos en marcha ou interesadas en emprender.

A sesión abrirase cunha benvida institucional por parte do Concello de Miño, que presentará os recursos e apoios dispoñibles para o tecido económico local. Despois haberá unha rolda de presentacións entre as persoas asistentes, co obxectivo de facilitar contactos e crear novas conexións entre negocios e proxectos da contorna.

O primeiro bloque, baixo o título 'Diñeiro que existe e pouca xente coñece', correrá a cargo de David López Bao, técnico especializado na xestión de subvencións públicas e no acompañamento a persoas emprendedoras. A súa intervención abordará axudas e recursos dispoñibles a nivel local, autonómico e estatal.

Tras unha pausa café pensada para favorecer o networking, a xornada continuará co bloque 'A IA tamén é para o teu negocio', impartido por Juan Diego Pereiro, profesional con máis de 13 anos de experiencia na xestión de espazos de coworking e dinamización de ecosistemas emprendedores. Nesta parte explicaranse ferramentas sinxelas de intelixencia artificial que poden axudar a mellorar a produtividade, a comunicación, a organización ou os procesos diarios sen necesidade de coñecementos técnicos previos.

A actividade conta coa colaboración do Concello de Miño e do GALP, e busca conectar territorio, innovación e emprendemento desde unha perspectiva práctica e accesible. A asistencia será gratuíta, con aforo limitado e inscrición previa a través da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña.

0.097198963165283