Unha xogadora de Oza Cesuras toca o ceo co título estatal de Galicia no 3x3 de Baloncesto

Alba Lodeiro Cancelo xa é campioa de España. A xogadora de Oza Cesuras formou parte da selección galega U13 feminina que conquistou o título estatal de baloncesto 3x3 no Campionato de España de Seleccións Autonómicas celebrado en Melilla.
O combinado galego asinou unha fase final de máximo nivel. Primeiro superou a Cataluña nos cuartos de final por un axustado 12-11, despois venceu a Asturias nas semifinais por 14-11 e rematou o campionato ao grande cun triunfo ante Madrid na final por 12-9.
O éxito ten un valor especial para o deporte base galego e tamén para Oza Cesuras, que ve como unha das súas deportistas chega ao máis alto nunha competición nacional. O torneo, organizado pola Federación Española de Baloncesto, reuniu en Melilla ás seleccións autonómicas das categorías U13 e U15 na modalidade 3x3, un formato rápido, intenso e cada vez con máis peso no calendario formativo.
Alba Lodeiro xa viña formando parte do traballo de seguimento da canteira galega nos últimos anos. En convocatorias anteriores da Federación Galega de Baloncesto aparece vencellada ao Santo Domingo Betanzos, dentro da xeración 2013 feminina.