Unha vida entregada á cultura e á memoria recibe en Carral o Premio Mártires da Liberdade

ACoruñaXa
A Asociación Cultural e Teatral 'Abril de Lume e Ferro' entregará este venres 17 de abril, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura o galardón de 2026 a Xesús Santos Suárez, dentro dos actos do 180 aniversario do Alzamento de 1846
CARRAl martires da liberdade
15 Apr 2026

Carral renderá homenaxe este venres 17 de abril a Xesús Santos Suárez coa entrega do Premio Mártires da Liberdade 2026, unha distinción coa que a Asociación Cultural e Teatral 'Abril de Lume e Ferro' recoñece cada ano traxectorias vencelladas á liberdade, á xustiza e ao compromiso co país. O acto celebrarase ás 20.00 horas na Casa da Cultura e formará parte da programación do 180 aniversario do Alzamento de 1846, rematado co fusilamento dos coñecidos desde entón como Mártires de Carral.

O xurado acordou o pasado 14 de novembro de 2025 conceder o premio a Santos Suárez, unha figura amplamente recoñecida polo seu labor como mestre, dramaturgo, investigador, poeta, conferenciante e activista cultural. Nado en Asados, en Rianxo, en 1936, desenvolveu a súa carreira docente en localidades como Pontevedra, Val do Dubra, Boiro e Calo, onde exerceu durante máis de dúas décadas ata a súa xubilación.

A súa traxectoria cultural estivo tamén moi ligada ao teatro galego. Foi director do histórico grupo Airiños de Asados, unha das compañías máis antigas de Galicia, fundada en 1933, na que participou como director, actor e autor. A súa contribución resultou clave para manter viva a actividade da formación en etapas complexas e para reforzar a súa proxección dentro da escena galega.

Xesús Santos Suárez destacou ademais pola súa produción literaria e investigadora. Ao longo dos anos publicou poesía, teatro, artigos e traballos de heráldica, crítica e investigación sobre figuras sobranceiras de Rianxo e do Barbanza como Manuel Antonio, Rafael Dieste, Castelao ou Borobó. Xunto con outros investigadores, desenvolveu tamén un importante labor arredor da memoria histórica, recuperando do esquecemento a traxectoria de persoas represaliadas e afondando en episodios vinculados á República e aos campos de concentración.

A entidade organizadora subliña que o premiado representa unha vida de defensa da lingua, da cultura galega e dos valores republicanos. De feito, en 2022 foi recoñecido tamén como Republicano de Honra pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza.

O acto deste venres contará coas intervencións da directiva de 'Abril de Lume e Ferro', de integrantes do xurado e do propio homenaxeado. A cita servirá así para poñer en valor unha longa traxectoria de compromiso cívico e cultural e para sumar un novo capítulo á historia dun premio creado en 2013 e que xa distinguiu figuras como Manuel María, Aurora Marco, Xabier Ponte Docampo, Pepita Seoane Vaz ou Moncho Reboiras.

0.13356494903564