Unha viaxe musical aos anos 80 e 90 recuperará as cancións do Xabarín Club en Arteixo

A música que acompañou a toda unha xeración a través dos debuxos animados do Xabarín Club volverá soar este venres, 20 de novembro, no auditorio do CCC Manuel Murguía. O grupo Priscila presentará o espectáculo 'Lembra Xabarín!', unha proposta musical dirixida a todos os públicos que recupera cancións populares dos anos 80 e 90.
O concerto reunirá versións de temas de grupos e artistas que formaron parte da banda sonora do histórico programa infantil da Televisión de Galicia, como Heredeiros da Crus, Aerolíneas Federales, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Víctor Coyote, Blood Filloas, La Marabunta ou Siniestro Total.
A actuación comezará ás 19.00 horas e busca ofrecer unha viaxe musical para lembrar unha época na que o rock e o punk tamén contribuíron á difusión da lingua galega entre os máis novos.
As entradas teñen un prezo de catro e tres euros. A cita combina música e lembranzas nun espectáculo pensado para compartir en familia.