Unha vaga de actos vandálicos causa danos en varios espazos públicos de Curtis

O Concello de Curtis denunciou publicamente os danos rexistrados nos últimos días en diferentes espazos públicos e infraestruturas municipais, uns feitos que cualifica como graves actos vandálicos e que afectan a zonas de lecer, instalacións deportivas e elementos vinculados ao mobiliario urbano.
Segundo informou o Goberno local, os estragos localizáronse no parque infantil do Penedo de Teixeiro, onde resultaron danados elementos de xogo; na Senda do Carregal, tamén en Teixeiro, con desperfectos na tematización da Reserva da Biosfera; nunha das pistas municipais de pádel do pobo de Curtis; e na porta traseira de acceso ao ximnasio do pobo de Curtis.
O Concello está a realizar unha valoración económica detallada dos danos materiais para presentar a correspondente denuncia ante a Garda Civil. Desde o consistorio subliñan que estes actos supoñen un prexuízo directo para toda a veciñanza, xa que a reparación dos espazos públicos se financia con recursos municipais.
O Executivo local considera necesario frear este tipo de comportamentos incívicos para preservar a convivencia e garantir que as instalacións públicas poidan seguir utilizándose en condicións axeitadas de seguridade e calidade.
Por este motivo, o Concello pide a colaboración da cidadanía para tratar de identificar as persoas responsables. Calquera veciño ou veciña que vise movementos sospeitosos ou dispoña dalgunha información pode poñerse en contacto coas autoridades ou coas oficinas municipais, onde se tratarán os datos con total confidencialidade.