Unha unidade móbil facilitará a doazón de sangue en Aranga o vindeiro luns

A veciñanza de Aranga terá unha nova oportunidade para doar sangue o vindeiro luns 10 de agosto, coa visita dunha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que permanecerá na Castellana, ao carón da farmacia, entre as 16.00 e as 21.00 horas.
A iniciativa pretende facilitar a participación da cidadanía nunha campaña especialmente importante durante o verán, unha época na que as reservas de sangue adoitan diminuír ao tempo que aumenta a demanda nos hospitais.
Desde ADOS lembran que, para realizar a doazón, é recomendable almorzar con normalidade e agardar polo menos dúas horas despois do xantar. Ademais, será necesario presentar o DNI ou outro documento identificativo e informar ao persoal sanitario no caso de estar a tomar algún tipo de medicación. Tamén se aconsella evitar comidas copiosas antes da doazón.
O Concello anima á veciñanza a participar nesta campaña solidaria, lembrando que cada doazón pode resultar fundamental para atender intervencións cirúrxicas, tratamentos médicos ou situacións de urxencia.