Unha travesía en veleiro permitirá descubrir a biodiversidade do Golfo Ártabro desde o mar

Coñecer a riqueza natural do Golfo Ártabro desde o propio mar será o obxectivo dunha xornada divulgativa organizada polo Grupo Naturalista Hábitat, que se celebrará o vindeiro domingo 9 de agosto, cun percorrido en veleiro con saída desde o porto de Sada.
A actividade desenvolverase entre as 10.30 e as 14.00 horas e permitirá ás persoas participantes achegarse aos valores ambientais e oceanográficos deste espazo costeiro, considerado un dos máis ricos en biodiversidade de Galicia. Durante a travesía explicaranse as características dos fondos mariños, a fauna e a flora asociadas ao litoral e o papel que desempeña este ecosistema na conservación da natureza.
Ademais da parte divulgativa, a navegación ofrecerá a oportunidade de observar diferentes especies de aves mariñas e, se as condicións o permiten, tamén golfiños ou outros mamíferos mariños que habitan habitualmente o Golfo Ártabro.
A participación é gratuíta e está aberta a todos os públicos, aínda que será necesario realizar inscrición previa. As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de solicitude, confirmándose posteriormente por correo electrónico. As persoas participantes contarán ademais cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da actividade.
A iniciativa forma parte do proxecto 'Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025', co que o Grupo Naturalista Hábitat promove accións de seguimento ambiental, conservación do litoral e sensibilización cidadá sobre a importancia de protexer os ecosistemas mariños.