Unha tarde de cerámica, plantas e consumo consciente chega á Coruña co regreso de Lama Zeta

O mercado sostible e consciente Lama Zeta prepara o seu regreso a A Coruña cunha segunda edición que volverá converter Expocoruña nun punto de encontro para creadores, proxectos e público interesado en formas de consumo máis responsables. A cita terá lugar o 28 de novembro, entre as 17.00 e a 1.00 horas, e xa ten aberto o prazo para participar.
A organización prevé reunir un cento de propostas relacionadas coa cerámica, as plantas, a creación artística, a sustentabilidade e a gastronomía. As persoas interesadas en participar como expositoras ou en impartir charlas e obradoiros poden inscribirse a través da web de Lama Zeta. Tamén existe a posibilidade de colaborar co evento como entidade patrocinadora.
A programación irá máis alá da actividade dos postos. Nesta segunda edición aumentará o número de propostas destinadas a todos os públicos, con actividades como bingos de plantas, obradoiros, propostas gastronómicas e música en directo.
A xornada rematará cunha sesión de DJ que prolongará o ambiente festivo ata a 1.00 horas. Ademais, Lama Zeta manterá o seu carácter pet friendly, polo que as mascotas tamén poderán acompañar os asistentes.
A iniciativa nace coa intención de poñer en contacto persoas, proxectos e ideas arredor dun consumo máis consciente, achegando nun mesmo espazo propostas de creadores e marcas con identidade propia. Para a organización, o mercado busca tamén ofrecer un lugar no que descubrir novas iniciativas, aprender a través dos obradoiros e coñecer de preto a escena creativa vinculada á sustentabilidade.