Unha ruta polo patrimonio galego conmemora os 900 anos do Mosteiro de San Salvador

ACoruñaXa
A saída sociocultural organizada polo Concello de Bergondo inclúe visitas a Sobrado, Narla, Melide, Pambre e Arzúa o sábado 4 de xullo
Mosteiro arzúa
7 Jun 2026

O Concello de Bergondo organiza unha saída sociocultural con motivo da programación arredor do aniversario dos 900 anos do Mosteiro de San Salvador. A actividade permitirá ás persoas participantes achegarse a algúns dos enclaves patrimoniais máis destacados do interior de Galicia nunha xornada que combinará historia, cultura e convivencia veciñal.

A excursión terá lugar o sábado 4 de xullo e incluirá unha visita guiada polo Mosteiro de Sobrado dos Monxes, ademais de paradas na Fortaleza de San Paio de Narla e no Castelo de Pambre. O itinerario completarase con paseos por Melide e Arzúa.

A proposta está dirixida a persoas maiores de 18 anos. No caso de menores de idade que queiran participar, deberán facelo acompañados dunha persoa adulta. As inscricións poderán realizarse os días 10 e 11 de xuño, de maneira presencial na Casa da Cultura, en horario de 09.30 a 14.00 horas, ou chamando ao teléfono 981 79 12 52, extensión 7. A saída do autobús está prevista ás 08.00 horas desde a Casa do Concello de Bergondo, mentres que o regreso ao mesmo punto calcúlase arredor das 22.00 horas.

Se o número de solicitudes supera as prazas dispoñibles, realizarase un sorteo entre as persoas inscritas. Neste procedemento terán prioridade as persoas empadroadas en Bergondo, criterio que tamén se terá en conta para a asignación de prazas no autobús. Ademais, valorarase a composición da unidade familiar.

O prezo da actividade será de 20 euros e o pagamento poderá efectuarse os días 22 e 23 de xuño.

0.14377498626709