Unha ruta polo paseo do Lambre celebrará este domingo o Día da Bicicleta en Miño

Miño celebrará este domingo, 31 de maio, unha nova edición do Día da Bicicleta, unha proposta coa que o Concello busca fomentar a práctica deportiva, os hábitos de vida saudables e o uso da bicicleta entre a veciñanza.
A saída está prevista para as 10.00 horas desde a praza do Parchís. Desde alí, as persoas participantes realizarán unha ruta de 15 quilómetros polo paseo do Lambre, nun percorrido deseñado para gozar do deporte ao aire libre e da contorna natural do municipio.
A actividade está aberta á participación da cidadanía, aínda que os nenos e nenas menores de oito anos deberán ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais, será obrigatorio o uso de casco durante todo o traxecto.
A organización contará cun vehículo de apoio para acompañar a ruta e garantir o correcto desenvolvemento da xornada. Ao remate, ofrecerase unha merenda para todas as persoas participantes, como peche dunha mañá dedicada á bicicleta, á convivencia e á vida activa.