Unha reforma integral cambiará a mobilidade na rúa Souto de Carral

ACoruñaXa
O goberno local levará ao pleno a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para financiar unha actuación de 233.658,19 euros
CARRAL rúa Souto
28 May 2026

O goberno local de Carral levará ao pleno deste xoves, 28 de maio, a proposta para solicitar unha subvención á Deputación da Coruña coa que financiar a humanización integral da rúa Souto, unha das vías principais do núcleo urbano.

A actuación conta cun orzamento de 233.658,19 euros e busca reorganizar este espazo para mellorar a accesibilidade, reforzar a seguridade viaria e dar máis protagonismo aos desprazamentos a pé fronte ao tráfico rodado.

A rúa Souto conecta coa N-550 e coa DP-1704, ademais de funcionar como un dos accesos ao IES de Carral, polo que soporta unha importante circulación de vehículos e peóns, especialmente nos horarios de entrada e saída do centro educativo.

Na actualidade, a vía dispón de dous carrís de circulación, un por sentido, zonas de aparcamento nas dúas marxes e beirarrúas que non cumpren cos criterios actuais de accesibilidade. Co proxecto que se someterá á consideración do pleno, o Concello pretende transformar a configuración da rúa mediante a creación dun único carril de circulación entre a estrada provincial e a nacional.

A intervención tamén contempla a habilitación de novas prazas de estacionamento en batería e a renovación das beirarrúas nos dous lados da vía, co obxectivo de facilitar os desprazamentos peonís e mellorar a mobilidade diaria da veciñanza.

Outro dos puntos destacados do proxecto sitúase na intersección co acceso ao instituto. Nesa zona prevese habilitar unha plataforma compartida para tráfico peonil e rodado, unha solución coa que se pretende incrementar a seguridade nun punto especialmente transitado.

A proposta inclúe ademais a creación de novas zonas verdes, a plantación de árbores e a renovación da sinalización. Con estas medidas, o Concello busca mellorar a integración paisaxística da contorna e avanzar cara a un espazo urbano máis amable, accesible e seguro.

A solicitude da subvención debaterase no pleno previsto para este xoves ás 20.00 horas. No caso de contar co financiamento, o proxecto permitiría continuar coas actuacións de mellora no núcleo urbano de Carral e avanzar na recuperación de espazos para a veciñanza.

0.14463305473328