Unha publicación da UDC sobre unha nova metodoloxía para motores mariños acada un premio internacional
O profesor do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña, José Antonio Orosa García, e Ander Ruiz Zardoya, doutorado pola UDC, acaban de ser galardoados pola revista especializada do ámbito mariño Journal of Marine Science and Engineering (JMSE) (Q1), polo seu artigo 'Methodological Design Optimization of a Marine LNG Internal Combustion Gas Engine to Burn Alternative Fuels', sobre a optimización do deseño dun motor mariño de combustión interna de gas natural licuado para queimas combustibles alternativos, publicado xunto cos expertos Iñaki Loroño Lucena, profesor da Universidade do País Vasco (UPV); e Íñigo Oregui Bengoetxea e Ángel López Martínez, investigadores da empresa Siemens.
O artigo, que recibiu o segundo premio JMSE 2023 Best Paper Award consistente en 500 francos suízos e a publicación dun artigo gratuíto na revista, amosa parte dos resultados obtidos durante o desenvolvemento da tese con mención industrial de Ander Ruiz Zardoya e dirixida por Orosa e Loroño, dentro das actividades de I+D da casa Siemens e o programa de doutoramento en enerxía e propulsión da UDC.
O obxectivo do estudo
As políticas sobre emisións mariñas son cada vez máis esixentes. Polo tanto, as tecnoloxías de propulsión de buques e xeración de enerxía deben adaptarse aos escenarios actuais. O Gas Natural Licuado (GNL) xa se considera un combustible de transición e están a xurdir novas alternativas.
O obxectivo deste estudo foi desenvolver unha metodoloxía para optimizar e adaptar un motor mariño de combustión interna de GNL para queimar combustibles mariños alternativos. O presente estudo baseouse en biogás licuado (LBG), pero a metodoloxía podería replicarse con outros combustibles.
Durante a investigación realizáronse un total de seis probas, con tres deseños de precámara e tres deseños de buxías. Cada proba levou a cabo nun motor monocilíndrico con dous tipos de combustible con alto contido de metano. Os experimentos demostraron que modificando a precámara e a buxía, pódense lograr melloras na eficiencia térmica do 1,9%. Esas melloras permitiron que o motor LBG sufrise só unha redución de eficiencia térmica do 4,3%, a diferenza do seu homólogo de GNL. Ao aplicar a metodoloxía proposta, poderíase mellorar a eficiencia térmica dos motores de combustión interna de gas dispoñibles comercialmente.
O traballo foi continuado con traballos nas revistas do máis alto impacto no mundo da enerxética e da industria naval, como Energy (Q1), e precedido por outros traballos en colaboración coa Universidade das Palmas de Gran Canaria.