Unha pantalla de 26 pilotes será necesaria para asegurar a DP-4803 en Miño

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña e o Concello estudan alternativas de tráfico para o verán tras confirmar o informe técnico que a estrada Miño-Perbes non pode reabrirse con garantías no seu estado actual
DIPU CORU miño estudio xeotécnico
25 Apr 2026

A reparación da estrada provincial DP-4803, entre Miño e Pontedeume, esixirá unha actuación de gran complexidade técnica. O estudo xeotécnico e topográfico encargado pola Deputación da Coruña tras o corremento de terras rexistrado en marzo confirmou que será necesario construír unha pantalla de pilotes para estabilizar o talude afectado á altura do quilómetro 2,2, nas proximidades da praia de Lago.

A análise conclúe que non é posible garantir a seguridade da vía no seu estado actual. O desprendemento provocou gretas, afundimentos e danos importantes no firme, ademais de arrastrar materiais ata a praia e afectar a unha vivenda situada a media ladeira, cuxa estabilidade tamén quedou comprometida.

A solución proposta polos técnicos pasa pola execución dunha pantalla subparalela á estrada e á liña de costa, formada por 26 pilotes de 1,50 metros de diámetro e 30 metros de lonxitude. Esta estrutura permitirá conter as terras, estabilizar a ladeira e recuperar a circulación con garantías. O orzamento estimado da intervención ascende a 1,2 millóns de euros.

A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, visitou a zona acompañada polo alcalde de Miño, Manuel Faraldo, e por persoal técnico provincial. Rodríguez subliñou que 'a prioridade absoluta da Deputación é a seguridade das persoas' e advertiu de que o informe confirma que non se trata dunha reparación sinxela, senón dunha intervención complexa nun talude costeiro de entre 30 e 32 metros de altura e cun terreo inestable.

O estudo tamén apunta á presenza de auga no terreo, un factor que pode agravar a situación en episodios de choiva ou pola infiltración a través das gretas existentes. Por este motivo, a Deputación defende que a actuación debe executarse con todas as garantías técnicas, aínda que iso impida que a estrada estea lista para este verán.

Mentres avanzan os trámites para a obra definitiva, a institución provincial e o Concello de Miño traballan en alternativas para ordenar o tráfico durante a época estival, cando se incrementan os desprazamentos na contorna da praia de Lago e nas comunicacións entre Miño, Perbes e Pontedeume.

Rodríguez recoñeceu a importancia desta vía para a mobilidade da zona, especialmente nos meses de verán, pero insistiu en que non se asumirán riscos nun tramo no que a seguridade non está garantida. A Deputación e o Concello continuarán a vindeira semana analizando as opcións dispoñibles para reducir os trastornos á veciñanza e ás persoas visitantes.

0.13747501373291