Unha nova pasarela peonil conectará o núcleo urbano de Miño coa aldea de Bañobre

A Xunta de Galicia concedeu ao Concello de Miño a autorización para ocupar 1.309 metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre co obxectivo de construír unha pasarela peonil sobre o río Baxoi. A infraestrutura permitirá conectar o Camiño de Telle e a rúa Marisma, no núcleo da vila, coa aldea de Bañobre, creando un itinerario peonil entre os dous lados da marisma.
A concesión, cuxo anuncio publica este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG), autoriza unha ocupación destinada a unha actuación de uso xeral, público e gratuíto. A solicitude presentouse ante a Demarcación de Costas do Estado en Galicia en 2024 e o expediente chegou ao Servizo do Litoral da Coruña o pasado verán, despois de que a Xunta asumise as competencias transferidas para a xestión do litoral.
O título concesional terá unha vixencia de 15 anos, prorrogables ata un máximo de 30. Porén, a autorización permite exclusivamente a ocupación do dominio público marítimo-terrestre, polo que o Concello deberá obter o resto dos permisos, licenzas e autorizacións que sexan necesarios para executar a obra.
A nova pasarela pretende ofrecer unha conexión peonil segura entre os núcleos situados a ambos os lados da marisma do Baxoi.