Unha nova área verde e de lecer abre no Polígono de Someso

ACoruñaXa
O Concello da Coruña habilita un espazo con xogos infantís, bancos, árbores e fonte de auga potable nun solar en desuso incorporado ao Plan de Barrios 2025-2027
A CORUÑA parque espacio coruña
24 Apr 2026

O Polígono de Someso conta xa cunha nova área de esparexemento e zona verde tras a apertura ao público dun espazo renovado no Lugar Lamelas, nunha rúa perpendicular á rúa José Pascual López-Cortón, entre o centro comercial Espacio Coruña e o Centro Integrado de Formación Profesional Someso. A actuación forma parte do Plan de Barrios 2025-2027 e permitiu transformar unha parcela sen uso nun punto pensado para a convivencia e o desfrute da veciñanza.

O proxecto nace dunha proposta gañadora dos Orzamentos Participativos e supuxo a urbanización integral do ámbito, cun deseño que busca combinar accesibilidade, sustentabilidade e utilidade veciñal. As obras incluíron pavimentación, instalación de mobiliario urbano, xardinería, sistemas de drenaxe e recollida de augas pluviais, ademais da execución dunha rede de subministración de auga potable conectada á rede municipal.

A nova configuración do espazo diferencia zonas de paso, áreas de estancia, espazos verdes e unha zona específica para o xogo infantil. Nesta parte instalouse un columpio de aceiro con asento tipo niño, un escorregadoiro e varios xogos pintados no chan, entre eles unha serpe, un parchís e unha mariola. O recinto complétase con bancos, especies tapizantes, árbores de sombra e unha fonte de auga potable.

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, visitaron o novo espazo xunto con representantes da asociación veciñal Sector 7-Recinto Feiral. Desde o goberno local sinalan que esta apertura busca mellorar a calidade de vida en Someso, reforzar a cohesión social e seguir avanzando na creación de espazos públicos máis amables e humanizados.

0.11705803871155