Unha maratón gratuíta reúne na Coruña as curtametraxes candidatas aos XXV Premios Mestre Mateo

ACoruñaXa
Cantones Cines proxecta este mércores 25 de novembro as obras seleccionadas nas categorías de ficción e animación, nunha xornada aberta ao público que se prolongará ata última hora da noite
A CORUÑA mestres mateo cara de cona
26 Nov 2026

A Coruña acolle este mércores unha maratón cinematográfica coas curtametraxes candidatas aos XXV Premios Mestre Mateo. A Academia Galega do Audiovisual organiza esta xornada especial en Cantones Cines, onde o público poderá descubrir de balde todas as obras seleccionadas nas categorías de ficción e animación.

As portas abren ás 16.00 horas e as proxeccións comezan ás 16.30 horas. A programación distribúese en catro bloques, con presentacións dos equipos ao comezo de cada sesión. A última quenda comezará ás 22.10 horas e a maratón concluirá arredor das 23.40 horas.

A selección ofrece unha variedade de historias e estilos, con propostas que abordan os vínculos persoais, a identidade, as relacións humanas, os conflitos cotiáns e cuestións sociais. Tamén haberá espazo para a animación, con universos imaxinativos e distintas formas de narración audiovisual.

Catro bloques de proxeccións

O primeiro bloque, dedicado á ficción, comeza ás 16.30 horas e inclúe 'Noutro tempo', 'A outra escena', 'A través', 'Afeminadas', 'A mirada', 'Ante o avesío' e 'O Refuxio'.

Ás 18.40 horas arrancará a segunda sesión de ficción, con 'Avisa cando chegues', 'Mañana', 'Cara de cona', 'Cinzas', 'Corre', 'Después de ti, más amor' e 'Habelas Hainas'.

A animación tomará a remuda ás 20.55 horas con 'A miña relación cos bichos', 'Cátodo Corazón', 'Génesis', 'La Aventura Pirata de Casa', 'Lache', 'Quen é?' e 'Algo en la casa'.

A xornada finalizará cun último bloque de ficción, a partir das 22.10 horas, no que se proxectarán 'La Encomienda', 'Los 2 amigos. La venganza musical', 'creo…', '8 portas', 'O Asasino do Bosque', 'Química' e 'Saír do Limbo'.

A entrada é gratuíta ata completar a capacidade da sala. A actividade forma parte da programación previa da vixésimo quinta edición dos Premios Mestre Mateo, coa que a Academia busca achegar as obras candidatas á cidadanía e celebrar os 25 anos destes galardóns.

Os académicos e académicas serán os encargados de elixir as producións que pasarán á seguinte fase. Os títulos finalistas daranse a coñecer o vindeiro 23 de decembro. A iniciativa conta coa colaboración do Concello da Coruña.

0.1544017791748