Unha maratón de teatro encherá A Senra con oito representacións nun só día

A Senra converterase este sábado 6 de xuño nun gran escenario para o teatro coa celebración do VIII Maratón Teatral de Bergondo, unha xornada dedicada á cultura, á diversión e ás artes escénicas que reunirá ao longo do día diferentes propostas para públicos variados.
A programación dará comezo ás 10.30 horas e prolongarase ata a tarde, cunha sucesión de representacións a cargo de escolas e compañías teatrais. A entrada será de balde ata completar capacidade.
A primeira quenda incluirá 'Mundo Gominola', da Escola de Teatro da APA As Mariñas, e 'Matilda', de Abaixo o Telón de Ordes. Ás 12.30 horas será a vez de 'Ben e Mal', da Escola de Teatro de Oroso, e de 'Os habitantes da casa deshabitada', tamén da Escola de Teatro da APA As Mariñas.
Xa pola tarde, ás 16.00 horas, representaranse 'A Mosca Chosca' e 'Asasinato no Edificio', ambas a cargo da Escola de Teatro da APA As Mariñas. A programación continuará ás 18.00 horas con 'O anel Máxico' e rematará ás 19.30 horas con 'Wannabe', da Escola de Teatro da APA As Mariñas, e 'Listo para Sentenza', de Abaixo o Telón de Ordes.
O maratón está organizado pola Asociación Cultural CatroGatos Bergondo, Galeatro Compañía de Teatro, a APA As Mariñas e o Concello de Bergondo. A cita busca poñer en valor o traballo das agrupacións participantes e ofrecer unha xornada aberta para compartir teatro en comunidade.