Unha limpeza no río Trabe destapa o avance de especies invasoras e o deterioro do patrimonio en Culleredo

ACoruñaXa
As Pedras Galladas retirou lixo das beiras durante a XIX Limpeza Simultánea de Ríos e reclama unha actuación planificada para recuperar este espazo natural
CULLEREDO pedras gallardas limpeza trabe
9 Oct 2026

O Colectivo das Pedras Galladas aproveitou a XIX Limpeza Simultánea de Ríos de Galicia para chamar a atención sobre o estado do río Trabe ao seu paso por Culleredo. A actividade, celebrada o pasado 3 de outubro no marco do Proxecto Ríos, permitiu retirar unha importante cantidade de residuos e comprobar sobre o terreo o deterioro que afecta a diferentes puntos da contorna fluvial.

Durante a xornada, as persoas participantes localizaron ata dez especies de plantas exóticas invasoras. Entre elas atopábase a tradescancia, que está ocupando zonas nas que debería predominar a vexetación autóctona de ribeira, e a cortadeira das pampas, que se estende sen control polos terreos dunha antiga cementera situada xunto ao río.

A limpeza tamén permitiu constatar o mal estado dun muíño histórico, que se atopa completamente anegado e deteriorado. Para o colectivo, estes elementos forman parte dun patrimonio natural e cultural que precisa dunha maior atención e dunha intervención planificada.

Botellas, cueiros e mesmo unha bicicleta entre os residuos

Os voluntarios retiraron das beiras do río residuos moi diversos, entre eles botellas, latas, toalliñas húmidas, cueiros, roupa e alfombrillas de coche. Entre os obxectos máis chamativos apareceu tamén unha bicicleta pregable completamente deteriorada.

O colectivo considera que a acumulación de residuos e restos de desbroce é consecuencia dun deterioro prolongado da contorna. Segundo As Pedras Galladas, o bosque de ribeira quedou reducido en varios puntos e as especies invasoras están gañando terreo, o que contribúe ao empobrecemento dos ecosistemas.

A entidade reclama que se aproveite o potencial natural do municipio para recuperar os espazos fluviais e crear corredores naturais compatibles tanto co uso público como coa conservación da biodiversidade autóctona.

Reclaman máis atención para os espazos naturais

As Pedras Galladas sinala tamén outros puntos de Culleredo que, ao seu xuízo, evidencian a necesidade de prestar unha maior atención á protección da contorna. Entre os exemplos citados están as inmediacións do río Valiñas en Ledoño, as beiras da ría do Burgo e o río ao seu paso polo parque de Acea da Ama.

O colectivo considera que estas situacións forman parte dun problema máis amplo que afecta aos espazos fluviais e corredores naturais de Galicia, sometidos á presión de diferentes usos e actividades humanas.

As Pedras Galladas defende que existen coñecementos técnicos e ferramentas suficientes para avanzar na recuperación destes espazos e aposta por unha xestión que permita compatibilizar o uso das zonas naturais coa conservación da biodiversidade.

O colectivo, nacido en Culleredo, reivindica ademais a importancia da participación veciñal e da creación de comunidade arredor da protección da contorna. A organización anima a coñecer e compartir as iniciativas destinadas a coidar o patrimonio natural e cultural do municipio.

0.13820195198059