Unha investigación pioneira da UDC mellora a xestión térmica en motores de imán permanente para vehículos eléctricos

ACoruñaXa
A tese de Jon García Urbieta, desenvolvida co apoio do CITENI e GKN Automotive, utiliza xemelgos dixitais para optimizar o control térmico dos motores, potenciando a súa fiabilidade e duración
Imaxe de Jon García
1 Ago 2024

Os motores de imán permanente utilízanse sobre todo nos vehículos eléctricos, pola súa alta eficiencia, tamaño compacto e fiabilidade. Porén, un dos principais retos destes motores é a xestión térmica, xa que a acumulación de calor en puntos críticos pode elevar a temperatura por riba de límites seguros.

Jon García Urbieta levou a cabo esta investigación baixo a dirección de Fran González Varela, do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC), e Sergio Armentia Cerio , da empresa GKN Automotive Zumaia. Alí traballa no desenvolvemento de transmisións eléctricas para vehículos.

O tribunal da defensa da súa tese de doutoramento industrial, titulada “Digital Twins for the Thermal Analysis of Permanent Magnet Synchronous Motors”, destacou a calidade e a relevancia do traballo presentado. A investigación de Jon García céntrase nos fenómenos térmicos que lles afectan aos motores durante o seu funcionamento e subliña a importancia de controlar a acumulación de calor en puntos críticos para evitar non só o desgaste, senón tamén danos irreversibles.

Dada a imposibilidade de medir directamente a temperatura en puntos vulnerables do motor, García propuxo o emprego de xemelgos dixitais, os cales combinan modelos teóricos con medicións reais de sensores, que si se poden instalar no motor. Isto permite facer unha estimación precisa da temperatura naqueles puntos críticos. Ademais, os xemelgos dixitais son capaces de adaptarse a cada motor concreto, ver a súa evolución e reflectir o seu avellentamento segundo os ciclos de uso.

Os métodos desenvolvidos foron validados en bancos de ensaios ciberfísicos onde se someteron motores reais a probas mediante a interacción con simulacións da dinámica do vehículo. Esta innovadora aproximación foi eloxiada polo tribunal, que valorou a aplicabilidade práctica e o potencial impacto na industria dos vehículos eléctricos do traballo defendido.

A defensa da tese de Jon García Urbieta non só representa un avance significativo na investigación académica, senón tamén unha contribución clave ao desenvolvemento tecnolóxico no sector dos vehículos eléctricos. Este logro destaca a importancia das teses industriais: pescudas aplicadas realizadas en colaboración entre a academia e a industria para resolver problemas reais, co obxectivo de avanzar cara a un futuro máis sostible e eficiente.

0.079101085662842