Unha investigación da UDC coloca á herba de namorar no Atlas de Xenoma da Biodiversidade Europea

ACoruñaXa
Rosalía Piñeiro Portela, do Centro Interdisciplinar de Química e Biloxía (CICA) da Universidade da Coruña, lidera o proxecto de secuenciación do xenoma de Armeria pungens, coñecida como “Herba de namorar”
Rosalía Piñeiro Portela, investigadora no Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva do CICA da Universidade da Coruña
8 Abr 2024

A investigadora Rosalía Piñeiro Portela, do Centro Interdisciplinar de Química e Biloxía (CICA) da Universidade da Coruña, lidera o proxecto de secuenciación do xenoma de Armeria pungens, coñecida como “Herba de namorar”, planta que ven de ser incluida no Atlas de Xenoma da Biodiversidade Europea  grazas ao seu estudo.

Ao conxunto de material xenético (ADN) dun organismo chamámoslle xenoma. Este dános información sobre as instrucións necesarias para constituír un individuo desa especie. O estudo do xenoma permite coñecer non só o pasado da biodiversidade da terra, senón que outorga unha mirada ao futuro e ás adaptacións evolutivas que poderían facer fronte a cambios climáticos. Conservar a biodiversidade transcende máis aló da protección do medio ambiente, porque os cimentos das sociedades humanas están enterrados na contorna natural. Coñecer a composición xenética de plantas e animais cos que poderiamos convivir nun futuro cun clima diferente é clave para entender posibles impactos na saúde, na dieta ou na industria do futuro. Con todo, a pesar da relevancia destas investigacións é moi pouco o que sabemos sobre os xenomas da terra, en plantas a penas hai secuenciadas 1.575 de 350.000 plantas superiores.

Para impulsar a investigación nesta materia nace EarthBioGenome Project, co obxectivo de catalogar e caracterizar xenomas de toda a biodiversidade eucariota da terra nun período de 10 anos. A nivel europeo a iniciativa opera a través da ERGA (European Reference Genome Atlas) que seleccionou a Armeria pungens ou “herba de namorar” como especie a secuenciar nun proxecto liderado por Rosalía Piñeiro, Investigadora distinguida contratada no programa María Zambrano no Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC.

A Comunidade ERGA Genome Atlas

A comunidade ERGA traballa co fin de optimizar a produción de xenomas de referencia mediante o desenvolvemento e o intercambio de protocolos e fluxos de traballo, brindando acceso a recursos e apoiando o desenvolvemento de capacidades a través da transferencia de coñecementos para mellorar e ampliar o uso de datos xenómicos para a protección e restauración da biodiversidade. Para iso, buscan crear e consolidar unha rede colaborativa e interdisciplinar de científicos ao redor de Europa, así como doutros países asociados. Dese modo logran conectar grandes infraestruturas de investigación e propagar a través destas unhas guías de estado da arte do xenoma que poidan implementarse a través de formacións e divulgación de resultados.

O seu labor céntrase en representar a biodiversidade de plantas, animais e fungos en Europa como parte do EarthBioGenome Project, creado para secuenciar, catalogar e caracterizar xenomas de toda a biodiversidade da terra nun período de 10 anos, o que daría pé a xerar unha nova base para que a bioloxía lidere as solucións futuras para preservar a biodiversidade e sustentabilidade das sociedades humanas.

A secuenciación de xenomas completos foi avanzando de forma especialmente lenta no reino vexetal. No ano 2000 secuenciouse o primeiro xenoma vexetal, correspondente á especie Arabidopsis thaliana. Dúas décadas máis tarde, en 2020, había secuenciados xenomas de só 1.575 especies de plantas. Esta lenta progresión débese a que moitas plantas presentan xenomas complexos, de gran tamaño ou con secuencias repetitivas. No últimos tres anos (2020-2021) a tecnoloxía de secuenciación de ADN experimentou grandes avances, permitindo duplicar o número de especies de plantas secuenciadas.
ERGA lanzou xa dúas convocatorias buscando aumentar esta cifra entre as especies europeas. Na segunda rolda, a Armeria pungens, tamén coñecida en Galicia como “Herba de namorar” ou “Namoreira” está entre as especies seleccionadas.

Varias especies de herba de namorar dentro do xénero Armeria

A “Herba de namorar” está rodeada de lendas que lle atribúen propiedades de namorar a outras persoas. Bastaría con introducir no peto da persoa amada unha flor desta planta sen que a outra persoa se decate de que leva esa flor na súa vestidura. O cancioneiro popular tamén recolle esta práctica nunha letra que di: “Teño unha herba de namorar, teño pensado quen á levar, na faltriqueira heicha de poñer, para namorarte a ti muller”. Ademais das calidades de namorar, atribúeselle a capacidade de aumentar a fertilidade das mulleres, acollendo tamén o nome de “Empreñadeira” por unha suposta capacidade de facilitar o embarazo. É por isto polo que é común ver en San Andrés de Teixido ofrenda de ramalletes de Herba de namorar ao Santo para pedirlle un embarazo ou parir sen dificultade.
A pesar de que comunmente falamos de “Herba de namorar” coma se se tratase dunha única especie, dentro do territorio galego áchanse tres especies distintas de herba namoreira. A máis coñecida e amplamente distribuída é A. maríitima. Ademais, achamos o endemismo do noroeste da península ibérica, A. pubigera e a especie A. pungens, pungens, seleccionada por ERGA para pasar a formar parte do Atlas de Biodiversidade Europea.

Armeria Pungens

O nome da especie fai honra ás súas follas, moi puntiagudas. A súa área principal de distribución é contínua nas dunas costeiras do suroeste da Península Ibérica, aínda que ten dúas áreas en illas continentais. A primeira é unha poboación galega de A. pungens nas illas Cíes, a 400 quilómetros da poboación máis próxima, situada ao sur de Lisboa. A segunda está formada por varias poboacións nas illas mediterráneas de Córcega e Cerdeña.

A presenza desta especie no Mediterráneo e en Cíes supón unha importante disxunción na súa área de distribución. Esta particularidade animou á investigadora Rosalía Piñeiro a indagar sobre a historia desta planta e a súa distribución, combinando datos xenéticos clásicos e modelos de nicho climático. Neste exercicio observou que as poboacións corso-sardas de A. pungens proceden dunha colonización recente desde Portugal, probablemente mediada pola afinidade climática entre ambas as rexións en termos de temperatura e humidade.

Rosalía Piñeiro Portela, investigadora no Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE)
É especialista en Xenómica e Evolución de plantas, secretaria da Sociedade Española de Bioloxía Evolutiva e membro electo da Linnean Society de Londres. Conta cunha ampla traxectoria internacional adquirida en centros de investigación de referencia en Escandinavia, o Reino Unido, Francia e Bélxica, incluído o Xardín Botánico de Kew. Actualmente é Investigadora Distinguida do programa María Zambrano de atracción de talento do Ministerio de Universidades na Universidade da Coruña. Ademais do xenoma de A. pungens, dirixe proxectos sobre evolución e bioxeografía de plantas silvestres, así como proxectos máis aplicados sobre adaptación ecolóxica de plantas cultivadas e os seus parentes próximos, con especial atención á resposta ao cambio climático e as interaccións entre plantas e seres humanos.

O Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE), ao que pertence Rosalía Piñeiro, é un equipo interdisciplinario conformado por doutores pertencentes ás áreas de Xenética, Zooloxía, Botánica, Fisioloxía Vexetal e Ecoloxía da Facultade de Ciencias da UDC e a súa investigación ten vinculación permanente co CICA.

 

0.29033207893372