Unha iniciativa contra os discursos de odio da UDC recibe o Premio Galego de Educación para a Cidadanía Global

ACoruñaXa
O alumnado recompilou e analizou discursos de odio, rexistrando os impactos que producen nos seus propios corpos e nos de persoas vulneradas
Imaxe dos alumnos participantes na iniciativa 'Cartografía corporal_ dos discursos de odio a un lecer compartido' da Facultade de Ciencias da Educación
15 Xuño 2024

A iniciativa 'Cartografía corporal: dos discursos de odio a un lecer compartido' da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña recibiu o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, que promove a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento.

Na súa III edición, na categoría de ensinanzas universitarias, a organización premiou este proxecto levado a cabo no curso 22/23 e que foi coordinado polas docentes Laura Cruz e María Barba, do grupo de investigación ECIGAL.

Esta experiencia, coa que se pretendía dar resposta a unha solicitude da Rede Acampa pola paz e o dereito ao refuxio, implicou a 72 estudantes, 14 entidades sociais e máis de 130 persoas en situación de vulnerabilidade.

Para o desenvolvemento desta iniciativa, o alumnado recompilou e analizou discursos de odio, rexistrando os impactos que producen nos seus propios corpos e nos de persoas vulneradas. Empregando saberes do Sur Global construíron un relato colectivo mediante cartografías corporais, que despois amosaron nunha exposición pública de sensibilización á cidadanía. Ademais, co fin de subverter estas narrativas de odio, xeraron espazos de convivencia a través do lecer coas mesmas entidades e colectivos; vivencias pracenteiras coas que romper coas fragmentacións sociais impostas.
Na páxina web de ECIGAL pódese acceder a unha mostra das cartografías corporais elaboradas polo alumnado e polas persoas participantes das entidades colaboradoras.

O proxecto foi incluído tamén no mapa Cénit de experiencias de educación para a cidadanía global, xunto con outros exemplos referentes na promoción da xustiza social global a través da educación.
Os galardóns entregaranse o próximo mércores, día 19 de xuño, ás 11:00 horas, na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta en Santiago de Compostela.

0.12441110610962