Unha granxa ecolóxica de Vilasantar gañadora do premio 'Europa Se Siente verde'
A granxa ecolóxica Millo e Landras recibiu este venres o premio 'Europa Se Siente Verde' de mans da vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero. O acto, celebrado no Teatro Moderno de Chiclana e organizado a través da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda e Función Pública, tamén contou coa presenza do alcalde de Cádiz, José María Román; e a secretaria xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, Mercedes Caballero.
Nesta edición presentáronse 215 proxectos de toda España e chegaron á final 18 divididos en seis categorías. Así pois, tras a presentación do proxecto “Punto verde para a xestión local e sostible da materia orgánica en Vilasantar” e unha votación online a tempo real, Millo e Landras alzouse co premio na categoría verde.
O proxecto premiado baséase no punto verde de Vilasantar, impulsado e xestionado por Víctor Boga e Marta García, fundadores de Millo e Landras. Grazas á achega do FEADER lograda a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla-Tambre-Mandeo, adquiriron unha biotrituradora para poder reutilizar os restos vexetais e empregalos como estruturante no compost. Deste xeito, lógrase un dobre obxectivo; por unha banda nútrese o chan e, pola outra, evítase a liberación de gases contaminantes á atmosfera e incendios accidentais. Como resumiu Víctor Boga na exposición no acto, “non envíes ao ceo o que precisa o solo”.
Ademais, a biotrituradora adquirida cos fondos FEADER está á disposición da veciñanza de Vilasantar, que pode achegar ao punto verde os restos vexetais para depositalos, trituralos no lugar ou incluso levar prestada a máquina ao domicilio. Así pois, trátase dun investimento que beneficia directamente á cidadanía vilasantaresa.
No marco deste sistema de aproveitamento, a cooperativa Millo e Landras ocúpase da xestión local e sostible da materia orgánica do municipio. É dicir, cada día percorren os mercados, restaurantes, comedores e demais establecementos nos que se emprega comida para recoller os restos orgánicos. Unha vez catalogados e separados, empréganse para alimentar aos animais da granxa, creando un compost de alta calidade grazas aos avicomposteiros e porcicomposteiros; que son áreas que se benefician do propio movemento dos porcos e galiñas para facilitar o proceso de compostaxe.
Así, xunto co estruturante convertido grazas á biotrituradora, Víctor e Marta nutren a terra das súas fincas para producir alimentos ecolóxicos de gran calidade. Con esta filosofía de traballo, fomentan a sostibilidade, recuperan métodos tradicionais para o cultivo, prácticas de carácter colectivo e o tratamento local e de proximidade da biomasa.
O alcalde do Concello de Vilasantar, Fernando Fernández Pérez, transmitiu os seus parabéns a Víctor e Marta, e asegurou que “é un orgullo que unha pequena cooperativa familiar vilasantaresa realice un labor tan grande e beneficioso para toda a cidadanía. Millo e Landras conta co apoio e colaboración total do Concello de Vilasantar e seguiremos traballando man a man para garantir a sostibilidade da nosa contorna”.