Unha granxa de Vilasantar loitará polo premio 'Europa se siente cercana'

ACoruñaXa
A granxa ecolóxica vilasantaresa transforma os restos de podas de toda a veciñanza en compost triturado co obxectivo de reducir as queimas no Concello
Imaxe do punto verde habilitado pola granxa ecolóxica Millo e Landras de Vilasantar
Imaxe do punto verde habilitado pola granxa ecolóxica Millo e Landras de Vilasantar
4 mar 2024

A granxa ecolóxica e familiar Millo e Landras, situada na parroquia de Mezonzo do Concello de Vilasantar, defenderá o vindeiro mes de xuño en Cádiz a súa candidatura aos premios 'Europa se siente cercana' na categoría verde. O evento organizado a través da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda e Función Pública, trátase dun acto anual no que se dá visibilidade e prémianse os mellores proxectos cofinanciados con fondos europeos.

Este concurso acolle iniciativas cofinanciadas polos fondos FEDER, FSE+, FSI, IGFV, FAMI, FEMPA, FTJ, FEADER e FEAGA. Neste sentido, o proxecto presentado por Millo e Landras é finalista a nivel nacional na categoría 'Europa se siente verde', na que compiten proxectos orientados á transición enerxética, a loita contra o cambio climático, a agricultura sostible, a protección do medio ambiente, a rehabilitación ambiental, a biodiversidade, a economía circular e o uso eficiente dos recursos.

O proxecto presentado por Marta García e Víctor Boga, titulado 'Xestión local de materia orgánica en Vilasantar', afonda no seu labor a prol do aproveitamento da biomasa. En concreto, a granxa de Millo e Landras empregou a achega do FEADER lograda a través do Grupo de Desarroio Rural (GDR) Ulla-Tambre-Mandeo para adquirir unha biotrituradora e poñela a disposición da veciñanza nun punto verde. Deste xeito, os veciños e veciñas de Vilasantar poden levar os restos de podas para depositar no punto verde, trituralos alí e levar os restos ou directamente levar a biotrituradora emprestada ao seu domicilio para procesar os restos vexetais in situ.

O obxectivo da iniciativa posta en marcha pola granxa é dobre. Dunha unha banda, empregar os restos vexetais triturados como estruturante para o compost, devolvendo a materia orgánica ao solo e nutríndoo, á vez que se mellora a colleita. E, doutra banda, búscase reducir as queimas de podas e rozas, evitando a liberación de gases contaminantes á atmosfera e evitando incendios accidentais. Neste sentido, o proxecto de Millo e Landras xunta sostibilidade, recuperación dos métodos tradicionais para o cultivo, as prácticas de carácter colectivo e o tratamento local e de proximidade da biomasa.