Unha festa en Santa Cruz pechará o curso das actividades de envellecemento activo do Concello de Oleiros

ACoruñaXa
Este martes haberá diferentes actos e exhibicións co obxectivo de celebrar o remate das actividades
Imaxe recurso do coidado de persoas maiores
24 Xuño 2024

O vindeiro martes 25 de xuño as 400 persoas que participaron durante todo o curso no programa do Concello de Oleiros de actividades de envellecemento activo celebrarán unha actividade de fin do mesmo. Terá lugar a partir das 16.30 horas na praza Esther Pita, en Santa Cruz.

No evento desenvolveranse diferentes actos e exhibicións co obxectivo de celebrar o remate das actividades, celebradas en todas as parroquias do municipio e cunha ampla participación das persoas maiores, que aproveitaron o curso para practicar actividades relacionadas coa memoria, a vitalidade e as artesanías.

A festa estará amenizada por música en directo e contará con transporte específico. En concreto 2 autobuses (un deles adaptado para cadeiras de rodas), que percorrerán todas as localidades do termo municipal, con regreso ao remate da festa.

0.18602085113525