Unha fábrica de chocolate e fantasía enche de danza o Teatro Colón

O Teatro Colón transformouse nunha fábrica imaxinaria de chocolate coa gala de fin de curso do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña. Baixo o título 'Chocolatia', o alumnado de grao elemental e profesional ofreceu un espectáculo cheo de cor, movemento e fantasía.
A montaxe levou ao escenario un universo inspirado na repostaría, no que bombóns, pasteis, macarons, algodón de azucre, caramelos ou nata chantillí se converteron en danza. A proposta combinou coreografías colectivas, vestiarios coidados e unha posta en escena pensada para amosar a evolución artística e técnica do alumnado.
A gala, unha das citas máis agardadas do curso para familias, profesorado e estudantes, tivo como fío condutor unha escola de doces e unha maquinaria fantástica capaz de mesturar cacao e azucre a través de engrenaxes case máxicas.
A obra establece tamén conexións coa tradición da danza clásica vinculada ao mundo dos doces, con referencias a 'O Crebanoces', de Chaikovski, e ao ballet 'Schlagobers', de Richard Strauss. Ademais, incorpora unha lembranza a Manuel María Puga e Parga, 'Picadillo'.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, felicitou ao alumnado e ao profesorado polo éxito da función e destacou que esta gala permite compartir co público 'todo o esforzo e a aprendizaxe acumulados durante meses'.
O Conservatorio Profesional de Danza da Deputación, fundado en 1990, leva máis de tres décadas formando bailarinas e bailaríns e impulsando unha ensinanza pública de calidade nunha disciplina marcada pola constancia, a sensibilidade e o traballo diario.
A primeira función contou cunha excelente acollida e encheu o Teatro Colón. A programación continuará este xoves ás 20.00 horas cunha nova representación de 'Chocolatia' no mesmo escenario.