Unha exposición sobre a Torre de Hércules conmemora o seu XV aniversario como Patrimonio da Humanidade

ACoruñaXa
Inaugurada na Sala de Exposicións Salvador de Madariaga, estará aberta ao público ata o 15 de decembro
Exposición sobre a Torre de Hércures
29 Nov 2024

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, inaugurou hoxe unha nova exposición organizada pola Sociedade Filatélica da Coruña, que nesta ocasión está dedicada á Torre de Hércules, con motivo do seu XV aniversario como Patrimonio da Humanidade, unha distinción outorgada pola UNESCO.

A mostra, que poderá visitarse na Sala de Exposicións Salvador de Madariaga ata o vindeiro 15 de decembro, reúne unha ampla colección de selos e material filatélico de toda España, que non só celebra a Torre de Hércules, senón tamén outros faros e monumentos emblemáticos. Durante a inauguración, Castro destacou a importancia deste evento e o traballo realizado pola Sociedade Filatélica: "A declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade foi un logro de toda a cidadanía, que uniu ás e aos coruñeses arredor deste símbolo da nosa cidade", afirmou.

A filatelia, como sinalou o concelleiro, convértese nun medio ideal para transmitir e recordar momentos históricos: "Cada selo e cada colección contan unha historia e proxéctannos cara ao futuro, permitindo que as xeneracións vindeiras sigan recoñecendo a importancia do noso patrimonio".

A exposición pecha un ano cheo de celebracións e eventos culturais e deportivos organizados polo Goberno de Inés Rey para conmemorar o aniversario da Torre de Hércules. "Este é o peche perfecto para un ano que puxo en valor o orgullo que sentimos pola nosa Torre", engadiu Gonzalo Castro.

Ademais, no acto de inauguración, Castro e José Luis Rey, presidente da Sociedade Filatélica, presentaron un sobre conmemorativo e unha tarxeta especial cos datos do evento. A entrada á exposición é gratuíta ata completar aforo.

0.17785096168518