Unha década de aulas, recordos e futuro no IES de Carral

O IES de Carral vén de conmemorar os seus primeiros dez anos de vida cunha celebración pensada para mirar atrás, compartir lembranzas e reivindicar o papel do centro na vida educativa e social do municipio. A cita reuniu alumnado e equipo docente actual, así como antigos estudantes, profesorado e persoal que formou parte da historia do instituto desde a súa posta en marcha no curso 2015/16.
O encontro contou tamén coa presenza do alcalde, José Luis Fernández Mouriño, da concelleira de Educación, Cristina Casal, e da técnico de Educación, Beatriz Cabanas, que acompañaron á comunidade educativa nun acto marcado polo reencontro e pola memoria compartida.
A programación incluíu unha recepción, o concerto de Xián Pais, a resolución dos concursos de logos e camisetas, unha visita á exposición fotográfica dos dez anos, a inauguración das orlas dos dez cursos e un xantar de convivencia. Os actos estaban previstos a partir das 12.30 horas, cunha comida ás 14.45 horas.
O aniversario tamén serviu para impulsar iniciativas simbólicas, como a creación dun vídeo conmemorativo a partir das mensaxes e recordos recollidos nunha ‘alfombra verde’, a elaboración dunha revista especial, a plantación dunha árbore e a preparación dunha cápsula de mensaxes para abrir cando o centro chegue aos 25 anos.
Co lema ‘Xa van aló 10 anos’, o instituto celebrou unha década de actividade facendo partícipe a toda a súa comunidade. A xornada pechouse cunha idea compartida polos asistentes: o centro xa forma parte da historia recente de Carral e encara agora unha nova etapa coa vista posta no futuro.