Unha comedia inspirada en sucesos reais chega este domingo a Sada co ciclo Elas Son Artistas

O ciclo metropolitano Elas Son Artistas achega este domingo, 15 de novembro, unha nova proposta teatral a Sada. A Casa da Cultura Pintor Lloréns acollerá ás 19.00 horas a representación de 'O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger', unha comedia da compañía lucense Tarabela Creativa coproducida polo Concello de Burela. A entrada será de balde.
A obra parte dunha historia familiar pouco habitual: o pai de Carmen Conde, autora do texto, traballou durante décadas como especialista en dactiloscopia na Policía Xudicial. Ao longo da súa carreira elaborou centos de atestados policiais a partir das pegadas dactilares, documentos que acabaron reflectindo unha particular crónica dos delitos cometidos en Galicia.
A partir dese material real, a montaxe constrúe unha comedia na que se mesturan personaxes de todo tipo, delincuentes que o parecen e outros que non, arredor dunha herdanza millonaria suxeita a unhas condicións moi particulares. O resultado é un enredo no que os protagonistas se axudan e se poñen trabas para conseguir o seu obxectivo.
A representación contará coa presenza en escena de Fran Lareu, Xosé Manuel Esperante e a propia Carmen Conde. A dirección corre a cargo de Avelino González.
Estreada o pasado 9 de outubro no auditorio da Casa da Cultura de Burela, a obra iniciou unha xira que prevé levala a máis de vinte teatros e auditorios galegos ata o primeiro semestre de 2027. A súa chegada a Sada forma parte da programación de Elas Son Artistas, un ciclo que pon o foco no traballo das mulleres creadoras en distintas disciplinas.