Unha charla gratuíta en Aranga axudará a previr os riscos do cancro de pel antes do verán

A prevención do cancro de pel centrará unha charla gratuíta que se celebrará o vindeiro mércores 27 de maio, ás 19.00 horas, no pavillón polideportivo do CEIP A Castellana, en Aranga. A actividade busca achegar á veciñanza información útil para coidar a pel, detectar sinais de alerta e reducir riscos coincidindo coa chegada dos meses de maior exposición solar.
A iniciativa está organizada polas xuntas locais da Asociación Española Contra o Cancro en Aranga, Curtis-Teixeiro, Irixoa, Paderne e Vilamaior, coa colaboración dos concellos destes municipios.
A sesión será impartida polo doutor Jesús del Pozo Losada, xefe do Servizo de Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía da Área Sanitaria da Coruña e Cee. Durante a charla abordaranse cuestións vinculadas á protección fronte á radiación solar, a importancia da revisión da pel e os principais factores de risco asociados a este tipo de cancro.
A actividade está aberta ao público e pretende reforzar a concienciación sobre unha enfermidade na que a prevención e a detección temperá resultan fundamentais. Desde a organización animan á veciñanza dos concellos participantes a asistir e resolver dúbidas sobre hábitos saudables para protexer a pel ao longo de todo o ano.