Unha campaña da DXT controla esta semana a seguridade do transporte escolar
Durante esta semana do luns 22 ao venres 26 as agrupacións de Tráfico da Garda Civil levarán a cabo servizos de control e vixilancia do tráfico, con especial atención á campaña sobre transporte escolar.
Así o informou a subdelegada o goberno na Coruña, María Rivas, que indicou que durante a campaña, intensificaranse os labores de inspección dos vehículos destinados ao transporte escolar, comprobando a documentación relativa ás autorizacións necesarias para a prestación do servizo, así como do propio vehículo en relación ás súas condicións técnicas e elementos de seguridade. Tamén se prestará especial atención ao condutor profesional, a súa habilitación e permiso de condución, así como os seus tempos de condución e descanso.
A subdelegada fixo fincapé en que o transporte escolar é o primeiro colectivo de seguridade viaria que alcanza a obxectivo “visión cero” con cero falecidos en sinistros de tráfico desde 2012, e é un dos medios máis seguros para o colectivo de usuarios das vías de cero a quince anos.
Doutra banda, a subdelegada indicou que se convidarán aos concellos a sumarse á mesma, establecendo medidas de control e vixilancia sobre o transporte escolar durante esas datas. María Rivas lembrou que na campaña de transporte escolar realizada do 22 a 26 de maio do ano pasado na provincia da Coruña, a Garda Civil controlou un total de 192 vehículos e recompilaron 162 denuncias, das 293 que se formularon. Entre outros, os motivos das denuncias estiveron relacionados con permisos e papeis necesarios para a prestación do servizo, como pode ser a autorización especial de transporte escolar, con 64 denuncias; o seguro de responsabilidade ilimitada, con 51, e o sinal de transporte escolar, que recompilou 10.