Unha balea varada na praia de Sabón mobiliza un amplo operativo de emerxencias en Arteixo

Unha balea de entre cinco e seis metros apareceu varada na mañá deste luns na praia de Sabón, en Arteixo, un suceso que obrigou a activar un amplo dispositivo de emerxencias para tratar de rescatar o animal.
O aviso produciuse ás 8.40 horas, cando un particular alertou ao 112 Galicia da presenza do cetáceo no areal. Ata o lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil, Policía Local, Protección Civil de Arteixo, Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo, ademais da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), encargada do seguimento do animal.
Segundo informou Salvamento Marítimo, Protección Civil solicitou a intervención dos Controladores Marítimos da Coruña para retirar a balea, que se atopaba preto do dique do porto exterior. A embarcación Salvamar Betelgeuse conseguiu remolcar o cetáceo cara a mar aberto.
Arredor das 11.40 horas o animal xa non permanecía varado. Non obstante, a balea continúa baixo vixilancia en coordinación coa CEMMA para comprobar se recupera a autonomía necesaria para seguir nadando e afastarse da costa sen dificultade.
O Concello de Arteixo informou durante a mañá da presenza do cetáceo na praia de Sabón e indicou que no lugar traballaban efectivos da Garda Civil e de Protección Civil. Mentres tanto, mantívose a información actualizada sobre o estado das praias do municipio.