Unha andaina percorrerá O Burgo para poñer o foco na saúde mental e combater o estigma

ACoruñaXa
A actividade, aberta a todas as idades, celebrarase este venres no paseo marítimo de Culleredo e incluirá a lectura dun manifesto
CULLEREDO andaina saude mental
8 Oct 2026

O paseo marítimo de O Burgo converterase este venres nun punto de encontro para reivindicar a importancia da saúde mental. O Concello de Culleredo e a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) organizaron unha andaina solidaria e aberta á cidadanía con motivo do Día Mundial da Saúde Mental.

A actividade terá lugar o venres 9 de outubro e comezará ás 11.00 horas no recinto do Xardín Botánico de O Burgo. Antes de iniciar o percorrido, as persoas participantes asistirán á lectura dun manifesto conxunto no que se reclamará unha maior concienciación sobre a saúde mental, así como máis empatía e recursos para as persoas que conviven con problemas de saúde mental e para as súas familias.

Baixo o lema 'Fai match na saúde mental', a iniciativa busca trasladar á rúa a importancia de falar con naturalidade sobre o benestar psicolóxico e contribuír a reducir o estigma que aínda rodea este tipo de situacións.

Tras a lectura do manifesto, os participantes iniciarán unha andaina polo paseo marítimo de O Burgo. A ruta está deseñada para facilitar a participación de persoas de todas as idades, polo que a convocatoria está aberta tanto a familias como a grupos, entidades e cidadanía en xeral.

O percorrido rematará novamente no Xardín Botánico, onde está previsto que a actividade conclúa arredor das 13.00 horas.

A xornada pretende ademais dar visibilidade ao traballo das entidades que acompañan as persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias. Neste sentido, o Concello de Culleredo destaca a importancia da colaboración co tecido asociativo sociosanitario para crear espazos de convivencia e sensibilización.

A andaina enmárcase nos actos do Día Mundial da Saúde Mental, unha data que cada ano busca chamar a atención sobre a necesidade de avanzar na prevención, na atención e na eliminación dos prexuízos asociados aos problemas de saúde mental.

Desde o goberno local animan a veciñanza a participar nesta actividade e a contribuír a facer visible unha realidade que afecta a numerosas persoas e familias.

0.14842295646667