Unanimidade en Curtis para reclamar a reactivación total de Losán e blindar o emprego

O Pleno do Concello de Curtis aprobou por unanimidade unha iniciativa da Alcaldía para reclamar a reactivación completa da actividade en Industrias Losán e garantir o mantemento de todos os postos de traballo. A corporación municipal advirte dunha situación ‘crítica’ marcada polos atrasos no cobro de nóminas e pola incerteza que afecta a preto de 200 familias ligadas aos centros de Curtis, Vilasantar e A Coruña.
No acordo saído do pleno, o Concello esixe á empresa o abono inmediato das cantidades pendentes co persoal e solicita a intervención urxente das administracións con capacidade de actuación no proceso. En concreto, pide a implicación do Goberno de España (a través da SEPI e do Ministerio de Industria) e da Xunta de Galicia (Consellería de Industria), así como do Igape.
O executivo local comprométese tamén a manter o apoio institucional para evitar que se deteña a actividade industrial, que considera un motor económico clave da comarca. A situación de Losán vén sendo obxecto de mobilizacións nas últimas semanas, nas que o persoal reclama o cobro de salarios e garantías de futuro para a compañía