Un vídeo do CEIP de Tarrío leva para Culleredo o Premio do Público dos Youtubeiras+

Culleredo sumou este sábado un novo recoñecemento no ámbito da creación dixital en galego. O vídeo ‘Cada historia, unha vida. O 25N no CEIP de Tarrío’, asinado por Xurxo Varela, foi o gañador do Premio do Público dos Youtubeiras+, un galardón que se decide mediante votación popular telemática.
A peza é un audiovisual conmemorativo polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N) e foi realizado polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Tarrío, no municipio de Culleredo.
O proxecto chegou á fase final do certame dentro das propostas ao Premio do Público e acabou levando o primeiro posto tras a votación, nunha edición na que Youtubeiras+ bateu o seu récord de participación con 126 canles inscritas e coa novidade de abrir a concorrencia a perfís en máis plataformas alá de YouTube e TikTok.
Os Youtubeiras+ están impulsados por servizos de normalización lingüística de varios concellos, polas universidades galegas e pola Deputación da Coruña, co obxectivo de visibilizar e promover contidos en galego no ecosistema dixital.