Un taller en Monticaño achegará o papel dos microorganismos na saúde do solo

O Parque Municipal de Monticaño, en Pastoriza, acollerá o venres 5 de xuño a segunda edición do taller 'Captura e reprodución de microorganismos do bosque', unha actividade dirixida a persoas afeccionadas á horta e ao xardín que queiran iniciarse no coñecemento da vida microscópica do solo.
A proposta busca explicar a importancia dos microorganismos na saúde e no equilibrio dos ecosistemas. Durante a sesión abordarase o papel que teñen bacterias, fungos, protozoos, nematodos e arqueas na descomposición da materia orgánica, na reciclaxe de nutrientes e na formación de humus.
O curso tamén permitirá coñecer a relación entre os microorganismos e as plantas, con contidos sobre micorrizas, fixación de nitróxeno e saúde do solo. Ademais, introducirase ao alumnado no uso dos Microorganismos Eficientes, coñecidos como EM, e nas súas aplicacións prácticas na agricultura e na compostaxe ecolóxica.
A parte formativa correrá a cargo de Javier Cotelo Rama, persoal EME. O taller terá un nivel de iniciación e incluirá tamén a elaboración de preparados con microorganismos, co obxectivo de promover prácticas ecolóxicas e sostibles no coidado da horta, do xardín e do solo.
A actividade desenvolverase en horario de 16.00 a 20.00 horas e contará con 15 prazas, que se asignarán por orde de inscrición. Terán prioridade as persoas empadroadas en Arteixo e a clientela de SUMARTE, o Servizo Municipal de Augas, así como de BiciArteixo.
O custo será de 15 euros para persoas empadroadas en Arteixo, clientes de SUMARTE e asimilados, mentres que a inscrición xeral terá un prezo de 25 euros. As solicitudes que queden sen praza serán convocadas para unha próxima edición do curso.