Un safari fotográfico levará á mocidade de Oleiros a descubrir murais e arte urbana

As Casas da Mocidade de Oleiros propoñen unha forma diferente de achegarse á arte urbana da contorna. O Concello organiza dúas rutas centradas no muralismo, cun formato de safari fotográfico no que a mocidade terá que localizar obras, descubrir as historias que agochan e resolver pistas ao longo do percorrido.
A primeira saída será este sábado 13 de xuño en Cambre, entre as 17.00 e as 20.00 horas. A actividade permitirá coñecer algúns dos murais que dan cor ás rúas do municipio, nun itinerario pensado como unha xincana visual na que as persoas participantes deberán sacar fotografías ás pezas máis sorprendentes.
A segunda ruta celebrarase o sábado 20 de xuño en Ordes, cun horario máis amplo, de 11.00 a 20.00 horas. Neste caso, a visita aos murais completarase cun percorrido polos Muíños de Baltar, onde a mocidade poderá gozar tamén da riqueza natural da zona e coñecer a importancia da auga no patrimonio local.
Ambas actividades contarán con autobús, con saída desde as Casas da Mocidade. As inscricións poden realizarse a través da web municipal, de forma presencial nas Casas da Mocidade das Pedras e Portaberta, mediante as súas redes sociais ou nos teléfonos 981 614 083 e 981 977 944.