Un roteiro veciñal percorrerá a Rolda Peonil da Coruña para reivindicar a mobilidade sostible

ACoruñaXa
A andaina terá lugar este sábado e conectará os barrios da Sagrada Familia, Os Mallos, Catro Camiños e Oza-Gaiteira
A CORUÑA roteiro veciñal
18 Sep 2026

A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana organizará este sábado, 19 de setembro, un roteiro veciñal pola Rolda Peonil da Coruña co obxectivo de poñer en valor este corredor urbano como espazo de conexión entre barrios e de promoción da mobilidade sostible.

A actividade enmárcase na Semana Europea da Mobilidade e está promovida pola propia Federación xunto coas asociacións veciñais da Sagrada Familia, Mallos-Plataforma, Barcarola-Catro Camiños e Oza-Gaiteira-Os Castros, en colaboración co Concello da Coruña.

A saída está prevista para as 11.00 horas desde a Biblioteca da Sagrada Familia. Desde alí, as persoas participantes iniciarán un percorrido a pé pola Rolda Peonil que atravesará os barrios da Sagrada Familia, Os Mallos, Catro Camiños e Oza-Gaiteira ata chegar á Praza de Tabacos.

Xogos, actividades e música durante o percorrido

O roteiro contará con diferentes propostas de dinamización e participación organizadas pola Federación e polas entidades veciñais. Haberá xogos, explicacións e iniciativas das propias asociacións, preguntas ás persoas asistentes e material gráfico e de comunicación.

Ademais, as persoas que completen os diferentes tramos da andaina poderán conseguir un pasaporte creado para a actividade.

A camiñada estará acompañada durante todo o percorrido pola A.C. Donaire, que poñerá música ao roteiro.

O 'Mestre da Mobilidade' agarda na Praza de Tabacos

Unha vez finalizado o percorrido, a actividade continuará na Praza de Tabacos. A partir das 12.30 horas, está prevista a actuación e o contacontos do 'Mestre da Mobilidade', unha iniciativa integrada no programa 'Cultura Veciñal' da Federación.

A organización anima a veciñanza e o conxunto da cidadanía a participar nunha actividade coa que pretende fomentar unha mobilidade máis amable, conectar os diferentes barrios e reivindicar o valor dos espazos públicos como elementos que contribúen á calidade de vida na cidade.

0.16084909439087