Un representante do Grupo Naturalista Hábitat comparecerá este venres na Comisión da Fachada Marítima da Coruña
Este venres, 6 de outubro, o representante do Grupo Naturalista Hábitat, Cosme Damián Romai Cousido, comparecerá na Comisión Especial da Fachada Marítima do Concello da Coruña, presidida polo portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera. A comparecencia terá lugar ás 10:00 horas no salón vermello do Pazo de María Pita.
A intervención de Romai segue as de diversas figuras clave vinculadas ao futuro da fronte litoral da cidade, como o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, ou o presidente do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Enrique Urcola. O obxectivo desta comisión, segundo destacou Jorquera, é fomentar un debate social participativo que inclúa as diferentes perspectivas sobre a transformación do porto interior.
Nas próximas semanas, sumaranse novos expertos e representantes de entidades relevantes, como a Confraría de Pescadores da Coruña e a Asociación de Armadores do Cerco de Galiza (Acerga), para seguir enriquecendo o debate sobre o futuro da fachada marítima coruñesa.