Un programa de emprego ofrecerá formación e orientación laboral a 100 persoas desempregadas na comarca

ACoruñaXa
A iniciativa, liderada por Betanzos e na que participan outros nove concellos, celebrarase durante doce meses
BETANZOS concello
11 Nov 2026

Un total de 100 persoas desempregadas poderán beneficiarse do Programa Integrado de Emprego 2026/27, unha iniciativa que combina formación, orientación e contacto co tecido empresarial para facilitar a súa incorporación ao mercado laboral. O proxecto terá unha duración de doce meses e está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

O programa está liderado polo Concello de Betanzos e conta coa participación de Abegondo, Bergondo, Carral, Oza Cesuras, Paderne, Sada, Coirós, Culleredo e Miño. A selección das persoas participantes realizarase coa colaboración das oficinas de emprego.

Para explicar o funcionamento da iniciativa, os seus obxectivos e os pasos necesarios para acceder a ela, o Concello de Betanzos organizará unha charla informativa o vindeiro luns, 16 de novembro, ás 19:30 horas, no Salón Azul do edificio Liceo. A sesión estará aberta a todas as persoas interesadas.

As persoas seleccionadas recibirán formación transversal en igualdade, conciliación, corresponsabilidade, intelixencia emocional e motivación, ademais de ferramentas para a procura activa de emprego e o desenvolvemento de habilidades sociolaborais. Tamén se organizarán obradoiros de entrevistas de traballo, incluído un taller avanzado con soporte de intelixencia artificial.

A formación permitirá seguir itinerarios en ámbitos como a hostalaría e o turismo, os servizos socioculturais e á comunidade, o comercio, a loxística e distribución, o sector agrario e o medio natural, as industrias alimentarias e as competencias dixitais. O programa incluirá tamén accións de fomento do emprendemento, prospección empresarial, intermediación entre ofertas de traballo e participantes, obradoiros de mobilidade laboral e prácticas profesionais en empresas da contorna.

A alcaldesa, María Barral, subliñou que a finalidade é conseguir unha incorporación efectiva ao mercado laboral. 'O noso obxectivo non é só formar, senón que as persoas participantes atopen un emprego. Por iso o programa combina formación, orientación, prospección empresarial e prácticas nas empresas da contorna', sinalou.

Poderán participar persoas desempregadas con discapacidade, en risco de exclusión social ou beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia, migrantes, maiores de 52 anos, menores de 30, perceptoras de prestacións, subsidios ou renda activa de inserción, afectadas por expedientes de regulación de emprego extintivos, mulleres e persoas desempregadas de longa duración. Tamén se contempla a incorporación doutras persoas desempregadas que non pertenzan a estes colectivos.

0.16427803039551