Un programa contra a soidade non desexada chegará a Ordes, Abegondo e Carral

Ordes, Abegondo e Carral serán tres dos concellos nos que se desenvolverá este ano o proxecto 'Aloumiños', unha iniciativa destinada a combater a soidade non desexada e reforzar o benestar emocional da cidadanía. O programa chegará a un total de 20 municipios galegos grazas ao convenio asinado entre a Consellería de Sanidade e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
A actuación contará cun investimento de 120.000 euros e terá como eixo principal a creación de espazos de encontro, acompañamento e participación veciñal. Para iso, organizaranse andainas saudables e actividades de dinamización social en grupo, dirixidas por profesionais especializados.
Os centros de saúde terán un papel fundamental no desenvolvemento do programa. Desde a atención sanitaria buscarase detectar persoas que poidan estar nunha situación de soidade non desexada para informalas da posibilidade de participar nesta iniciativa. A partir dese contacto, formaranse grupos nos que se traballará o benestar emocional e se fomentarán as relacións sociais no contorno máis próximo.
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia contratará un equipo formado por cinco profesionais e unha persoa coordinadora para levar a cabo o proxecto nos concellos participantes. Ademais de Ordes, Abegondo e Carral, 'Aloumiños' desenvolverase tamén en Cerceda, Tordoia, Trazo, As Somozas, Moeche, Neda, San Sadurniño, Mesía, Frades, A Pastoriza, Pol, Abadín, Riotorto, Alfoz, Muras, Mondoñedo e O Valadouro.
A experiencia do ano pasado amosa o perfil das persoas ás que pode chegar esta iniciativa. En 2025 participaron no programa 274 persoas, das que o 82,12 % foron mulleres. O grupo de idade máis numeroso situouse entre os 70 e os 79 anos, con case a metade do total das persoas participantes.
A Consellería de Sanidade enmarca 'Aloumiños' nas accións vinculadas á saúde mental e á promoción da participación social. O obxectivo é ofrecer ferramentas de acompañamento, previr o illamento e fortalecer as redes veciñais, especialmente en municipios onde a proximidade e a vida comunitaria poden converterse nun apoio esencial.