Un profesor da UDC, finalista nos Premios a Mellores Docentes de España 2024

O profesor Jakson Renner Rodrigues Soares, pertencente á Área de Organización de Empresas da Universidade da Coruña (UDC), acaba de ser seleccionado como un dos dez finalistas dos Premios Educa ao Mellor Docente de España 2024 na categoría de Universidade.
A listaxe dos finalistas foi publicada este domingo e inclúe os dez mellores docentes en distintas categorías: Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato, Educación Non Formal, Formación Profesional e Universidade.
A gala de entrega dos premios terá lugar o 15 de marzo de 2025 na Coruña, no marco do Congreso Mundial de Educación Educa 2025. Nela daranse a coñecer os gañadores de cada categoría. Os galardoados recibirán unha figura conmemorativa e un premio económico de 1.000 euros, mentres que os finalistas serán recoñecidos cunha figura e un diploma acreditativo.
Jakson Renner Soares, que imparte docencia na Facultade de Turismo da UDC e participa nos grupos de investigación Experiencia Turística e Turismo, Economía e Sustentabilidade, sinala que estar entre os finalistas “xa é un gran recoñecemento”. O docente tamén é membro da Universidade Estadual do Ceará, en Brasil.
Ademais, o comité organizador dos premios anunciou a apertura do prazo de presentación de candidaturas para a edición 2025, dirixida ao alumnado que queira recoñecer a dedicación e bo facer do profesorado actual. O prazo remata o 31 de xullo de 2025 e as propostas poden realizarse a través da web oficial: plataformaeduca.org.