Un plan de choque elimina os lodos e recupera o leito tradicional no paseo fluvial de Arteixo

O curso do río Bolaños recobra o seu aspecto óptimo grazas ao inicio duns necesarios traballos de acondicionamento ambiental. Esta semana arrancaron formalmente os labores de limpeza integral na lagoa do paseo fluvial de Arteixo, un espazo que acumulaba toneladas de terra e sedimentos que a corrente trasladou desde o val de Loureda por mor das intensas tormentas e as choivas torrenciais acontecidas durante a época invernal.
Estas intervencións desenvólvense cunha periodicidade anual para actuar de forma preventiva ante o risco de enchentes ou desbordamentos nalgúns puntos críticos do cauce. Alén da retirada de lodos, residuos e maleza, as tarefas serviron para recuperar diversos tramos do leito tradicional do río, que sufrira desvíos nalgúns puntos debido á acumulación histórica de lixo. Para acadar unha maior efectividade, os operarios compaxinan o uso de escavadoras de diferentes tamaños co manexo manual nas marxes, o que permite retirar de xeito minucioso plásticos, latas e outros refugallos sen estragar a vexetación de ribeira natural.
O alcalde, Carlos Calvelo, destacou a relevancia desta liña de actuación posta en marcha a través do departamento de Obras. O rexedor municipal sinalou que 'é fundamental coidar e potenciar unha das principais zonas de lecer de Arteixo, visitada a diario por centos de persoas que con toda a razón esixen que estea o máis coidada posible'.