Un paso máis seguro unirá Moruxo coa praia de Gandarío

ACoruñaXa
O Concello de Bergondo saca a contratación a prolongación da senda peonil por 99.851,21 euros, unha actuación gañadora dos Orzamentos Participativos que tamén mellorará a rede de pluviais e o abastecemento
BERGONDO subida gandarío
21 May 2026

O Concello de Bergondo avanza na mellora dos accesos á praia de Gandarío coa licitación das obras para prolongar o itinerario peonil ata a aldea de Moruxo. A actuación sae a contratación por 99.851,21 euros e terá un prazo de execución de dous meses desde o inicio dos traballos. O prazo para presentar ofertas permanecerá aberto ata o 4 de xuño.

O proxecto permitirá ampliar a senda que actualmente comunica o areal co aparcadoiro, creando unha conexión máis segura para a veciñanza de Moruxo e para as persoas que se desprazan a pé ata unha das praias con máis uso do municipio. A proposta fora a gañadora dos Orzamentos Participativos 2026 e xa figuraba entre as actuacións previstas nas contas municipais deste exercicio.

A nova senda executarase pola marxe esquerda da estrada municipal de Gandarío, en sentido praia. Para evitar estacionamentos indebidos que poidan dificultar o paso dos peóns, o Concello prevé instalar bolardos ao longo do itinerario.

A intervención non se limitará á mellora da mobilidade peonil. O proxecto inclúe tamén a creación dunha rede de pluviais e actuacións na rede de abastecemento de auga, coa ampliación e substitución dalgúns tramos existentes. Deste xeito, a obra combinará seguridade viaria, accesibilidade e mellora de servizos básicos.

Gandarío é un dos principais areais de Bergondo e unha das zonas de maior ocupación durante a tempada estival, ademais de ser un punto de referencia para o lecer náutico pola súa proximidade con Sada e pola súa situación na parroquia de San Xoán de Ouces.

O Concello ultima tamén a adxudicación do servizo de limpeza das praias para o verán. O contrato, previsto entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, cubrirá os areais de Gandarío, O Pedrido, Regueiro e Cabana. A licitación partiu dun orzamento de 114.695,34 euros.

Con estas dúas actuacións, Bergondo prepara a campaña estival con melloras tanto nos accesos como no mantemento dos seus pricipais espazos de baño.

0.11902499198914