Un paseo pola ría para descubrir Betanzos desde outra mirada

ACoruñaXa
O Concello activa as rutas guiadas fluviais de verán, con saídas entre xuño e setembro desde o Paseo da Tolerancia
BETANZOS ruta fluvial mandeo
3 Jun 2026

Betanzos volverá abrir este verán unha xanela diferente ao seu patrimonio coa posta en marcha dunha nova edición das Rutas Guiadas Fluviais, unha proposta turística que permite coñecer a cidade desde a ría e achegarse á súa historia, á súa paisaxe e ao seu vínculo co medio natural.

A actividade, organizada polo Concello de Betanzos a través da área de Turismo, desenvolverase entre os meses de xuño e setembro con diferentes saídas programadas. As rutas partirán desde o Paseo da Tolerancia e estarán guiadas, co obxectivo de ofrecer ás persoas participantes unha experiencia divulgativa e de lecer arredor da relación histórica da cidade co seu contorno fluvial.

Cada saída terá unha capacidade máxima de 50 persoas e será necesario contar cun mínimo de 10 participantes para que a actividade poida realizarse. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.

As persoas interesadas deberán anotarse previamente na Oficina de Turismo de Betanzos. As reservas poden facerse no teléfono 981 77 66 66, a través de WhatsApp no 638 54 31 69 ou no correo electrónico turismo@betanzos.gal.

O prezo da actividade será de 5 euros para persoas adultas, 1 euro para nenos e nenas de 4 a 12 anos e gratuíto para menores de 4 anos. O pagamento realizarase exclusivamente en efectivo.

O calendario comezará en xuño con saídas os días 16 e 18, ás 16.30 horas; os días 23 e 25, ás 11.00 horas; e o día 30, ás 16.30 horas. En xullo haberá rutas os días 2, 14, 16, 28 e 30, ás 16.30 horas, e os días 7, 9, 21 e 23, ás 11.00 horas.

No mes de agosto, as saídas serán os días 4 e 6, ás 11.00 horas, e os días 11 e 13, ás 16.30 horas. A programación rematará en setembro, con rutas os días 1 e 10, ás 16.30 horas, e os días 3, 8 e 15, ás 11.00 horas.

0.11638116836548