Un ouro para o deporte base de Cambre no Campionato de España de tiro con arco

A arqueira Uxía Goyanes Pérez, do club Arqueiros de Cambre, proclamouse campioa de España na categoría Sub15 por equipos mixtos durante o Campionato de España Iberdrola de tiro con arco ao aire libre, disputado en Madrid entre o 29 e o 31 de xullo.
A deportista acadou o título formando parella con Nicolás Soto Miñones, do club Dous por Setenta de Vimianzo, nunha competición que reuniu aos mellores arqueiros españois das categorías U15, U18 e U21.
Este ouro supón un importante recoñecemento para a traxectoria da nova arqueira e confirma o bo momento da canteira galega nesta modalidade. O éxito chega ademais nun campionato que representa a máxima competición nacional para as categorías de formación e no que participan deportistas clasificados previamente polos seus resultados ao longo da tempada.
A vitoria de Uxía Goyanes pon tamén en valor o traballo desenvolvido polo club Arqueiros de Cambre, unha entidade que continúa formando novos talentos e consolidando a súa presenza nas competicións estatais.