Un ouro e un bronce para o Kwon Betanzos na final galega escolar de combate

ACoruñaXa
O club chegou á cita autonómica con catro deportistas tras superar a fase provincial e asinou unha actuación destacada nas categorías escolares
BETANZOS kwon peques
5 Jun 2026

O Kwon Betanzos pechou con dúas medallas a súa participación na final do Campionato Galego Escolar de combate, unha cita á que chegou con catro deportistas despois de superar a fase provincial.

O mellor resultado chegou da man de Julia López, que completou unha competición impecable. A deportista foi superando as súas rivais ata alcanzar a final, onde volveu medirse coa mesma contrincante coa que xa se enfrontara no campionato provincial. O desenlace repetiu o mesmo guión: vitoria sen ceder ningún asalto, medalla de ouro e título de campioa galega escolar.

Tamén subiu ao podio Martiño Rey, que asinou unha boa actuación na final autonómica. O deportista superou a primeira rolda e caeu na segunda, un percorrido que lle permitiu conseguir a medalla de bronce.

A expedición do Kwon Betanzos completouse coa participación de Antonio García e Sabela Carneiro. Antonio deixou boas sensacións nos primeiros asaltos dos seus combates, aínda que non puido transformar esa superioridade inicial nun novo resultado positivo. Pola súa banda, Sabela, que debutara en competición no campionato provincial, volveu competir para seguir gañando experiencia, cunha actitude moi positiva e moitas ganas de aprender.

Desde o club destacan que este tipo de competicións son fundamentais na formación deportiva dos máis novos. Máis alá das medallas, a final galega serviu para seguir medrando, medir o nivel competitivo e continuar dando forma a novas traxectorias dentro do combate escolar.

0.1167619228363